Monday 13 de May de 2024

O Concello de Brión convoca dúas novas rutas de sendeirismo para o mes de maio: pola costa de Rianxo e en Allariz


O Concello de Brión vén de convocar dúas novas rutas de sendeirismo para o vindeiro mes de maio, logo da gran participación na ruta entre Leiro e Carballeda de Avia (Ourense) e que se repetirá este sábado cunha marcha entre Serra de Outes e Abelleira. As propostas para o mes de maio levarán aos camiñantes brioneses ata a costa de Rianxo e á vila de Allariz. Ambas terán un custe de 8 euros por persoa e ruta e os interesados en participar deberán reservar a súa praza na Casa da Cultura de Brión ou no teléfono 981 50 99 08 ata dous días antes de celebrarse a andaina.

Así, a primeira das rutas programadas terá lugar o sábado 6 de maio. Trátase da Ruta da Costa de Rianxo, que consta de 22 quilómetros e ten dificultade baixa. A saída en autobús dende a Carballeira de Sta. Minia terá lugar ás 9:30 horas e a inscrición poderá tramitarse ata as 14:00 horas do xoves 4 de maio.

Para o mércores 17 de maio está prevista a segunda das rutas, nesta ocasión na provincia de Ourense. Outros 22 quilómetros de dificultade baixa pola contorna da vila de Allariz. Nesta ocasión a saída terá lugar unha hora antes, ás 8:30 horas da Carballeira de Sta Minia. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata as 14:00 horas do luns 15 de maio.

En ambos casos hai convocadas 50 prazas, que se outorgarán por rigorosa orde de inscrición. O prezo é de 8 euros por persoa e ruta. Os participantes na actividade deberán levar comida tipo pic nic para xantar, ademais de calzado e roupa cómodos axeitados.